quarta-feira, 18 de junho de 2008

Aldara coida de Aurora e colabora nas tarefas da casa

Hai uns días vimos como Eva preparaba a cea e hoxe é Aldara a que se ocupa de botar unha man nas tarefas da casa sen por iso descoidar a Aurora. Ten tempo para todo: para vestila, para paseala, para botar un soniño con ela,...







Unha casa da moito traballo, por iso Aldara axuda a recoller a mesa despois de comer









Hai que lavar a louza











Axuda a poñer a lavadora








Cando xa está lavada, hai que tender a roupa










Ás veces hai que lavar no río





Tamén hai que fregar o chan





Non é de extrañar que pola noite quede a durmir de contado

Cantando xuntos

Xa había uns días que a profe Yolanda nas clases de Música nos andaba a ensaiar unha canción das partes do corpo, e tamén a profe Teresa nola poñía no radio-CD para que a escoitaramos mentres traballabamos. O que nós non sabiamos era que había de vir parte da Rondalla de Aguiño a tocala para nós. Era unha sorpresa que tiñan as profes de E. Infantil que nos xuntaron a tódos e todas no ximnasio e dispuxeron un pequeno concerto no que nós eramos os cantantes.
Cada clase interpretou un tema distinto: os nenos da profe Silvia cantaron unha canción sobre o colexio, os da profe Paula unha sobre a cidade,...Despois todos e todas bailamos outras cancións que a rondalla interpretou para nós. Ata as nosas nais se puxeron a bailar e a facer o tren! Foi unha mañá xenial!






"Branconeve", unha obra de teatro moi especial

Hoxe os nenos e nenas de E. Infantil asisitimos a unha representación teatral moi especial. As actrices que interpretaban aos personaxes da obra eran as nais dos nenos e nenas de 4 anos da profe Paula.
A obra leva por título "Branconenve" e, como podedes imaxinar é unha versión da obra "Brancaneve" pero aquí o príncipe que salva á pobre rapaza de morrer envelenada non aparece e no seu lugar temos unha valente princesa que salva ao pobre Branconeve de morrer pola envexa que lle tiña o seu padrastro.
Nin que decir ten que foi un éxito total pois nos gustou moito ver ás nosas familias facendo este tipo de cousas por nós. De feito a profe Teresa dice que para o ano temos que animar ás nosas nais e pais a facer unha. ¿Apuntádesvos?

terça-feira, 17 de junho de 2008

Eva axuda nas tarefas da casa

Un dos obxectivos de levar os mandiles das letras galegas para casa era que cada neno e nena o usara para colaborar nas tarefas domésticas.
Hoxe levouno Eva e non dubidou en poñelo para facer a cea. O menú consistia en ovo batido (tortilla francesa) e colacao quente.
O primeiro que hai que facer é cascar os ovos e botalos nun recipiente:



Despois hai que batilos e podemos axudarnos cunha batidora eléctrica:




Xa só queda botalos na tixola e esperar a que se pasen:






Poñemos a mesa e Aida tamén axuda a súa irmá:




Antes de ir para cama, Eva vai preparar un colacao ben quente. Primeiro bota o cacao na taza:



Despois bota o leite:



Mete a taza no microondas:




¡Que quente está! Vouno tomar con coidado de non me queimar e vou para cama. Ata mañá!

segunda-feira, 16 de junho de 2008

Chegou a revista do cole

Como todos os anos por estas datas, chegou a revista do Ceip de Aguiño. Chámase "O Carreiro" e nela se intenta sintetizar todos os acontecementos que tiveron lugar ao longo do curso escolar. Proxectos, exposicións, excursións, festas,... todos estes contidos están presentes na nosa revista.
Por suposto que cando a tivemos entre as nosas mans o primeiro que fixemos foi ver se saiamos nós nas fotos pero tamén nos gustou ver ao resto dos nosos compañeiros e compañeiras, aos nosos irmáns e irmás, ás nosas familias,...
Despois de ter ollado a revista collemos o lapis e pedímoslle aos nosos compañeir@s que nos escribiran o seu nome na última folla para que nos quede de recordo.
E agora xa só queda mirala con cariño na casa coas nosas familias!



domingo, 15 de junho de 2008

Sobre rodas

Dada a gran afición que temos ás bicis (triciclos) nas nosas aulas, as profes Teresa e Silvia propuxéronnos facer un pequeno proxecto sobre elas ao que lle chamaron "Sobre rodas".
Aprendemos que os homes e mulleres que andan en bici chámanse ciclistas e que para ser un bo ou boa ciclista é imprescindible ter bici, obrigatorio poñer o casco, necesarias as botas nos pés, para protexer os ollos hai que poñer gafas, para a sede non vai mal ter a man un botellín de auga,..
Tamén recordamos as partes máis importantes da bici: rodas, manillar, pedais, sillín,...
Descubrimos que había moitos tipos de bicis: de 3 rodas (triciclos), de carreiras, de montaña, de paseo,... e que ata había bicis para ir dous: o tándem.
Os e as ciclistas profesionais participan en moitas carreiras como a Volta a España, Tour de Francia, Giro de Italia,.. e cando gañan unha etapa poñénlle un maillot de cor amarelo, rosa,..(segundo o pais) para recoñecerlle a victoria.
Para rematar este proxecto, o venres visitounos o ciclista compostelán Juan Moure.



Con moita atención seguimos todas as explicacións que nos daba sobre as partes da súa bici



Para protexer a cabeza fronte a unha caída Juan nunca esquece poñer o casco. Carlota non quixo perder a ocasión de probalo:




Tamén nos deixou tocar e ata probar algunhas das prendas que usa cando vai na bici:







Cando teñen sede, os e as ciclistas non baixan da bici para beber senón que levan con eles un botellín de auga. Ás veces o botellín vai suxeito na bici e outras veces o levan nun bolsillo na parte de atrás do maillot:




Ao final pedímoslle a Juan que nos deixara poñer o maillot e subir na bici. ¡Pareciamos ciclistas de verdade!











Agora que sabemos tanto sobre o mundo do ciclismo só nos queda organizar a nosa propia carreira: "Volta Ciclista ao patio do cole de Aguiño". Será a vindeira semana (se non chove).
¡Quedades convidados!