terça-feira, 31 de março de 2009

Saída á granxa-escola de Serantellos

Por fin chegou o día! Levabamos semanas contando no calendario do mes de marzo cantos días faltaban para ir á granxa e, no último día deste mes, fomos a Cambados para pasar un día na granxa-escola de Serantellos.
Ás 9 estabamos todos e todas preparados coas nosas mochilas, esperando que a profe Teresa nos dixera que podiamos subir ao autobús



Despois dunha hora de viaxe, chegamos á granxa e alí os monitores e a monitora nos caracterizaron como gatiños, porquiños, vacas ou parruliños para facer catro grupos e poder ir rotando polos catro obradoiros que había na granxa:










Antes de ir aos obradoiros aprendemos a canción "Tengo una vaca lechera" e a cantamos facendo con xestos as accións da canción: muxir a vaca, matar moscas co rabo,...



O primeiro obradoiro ao que fomos foi a horta ecoloxica





Despois fomos a coñecer aos animais da granxa que estaban nas cortes:






Fixemos despois un pequeno descanso para comer unhas galletas e xogamos no parque:





Despois fomos amasar o pan que, despois de cocer no forno levamos para as nosas casas.

E así chegounos a hora de ir comer. O menú tiña arroz con carne, salchichas con patacas fritidas e iogur. ¡Estaba todo riquísimo!
Antes de volver aos obradoiros descansamos un pouquiño e algunhas case quedan a durmir na herba!




Tras este descanso volvemos aos obradoiros e cando acabamos de pasar por eles tomamos a merenda ¡pan con chocolate! nas escaleiras do colexio que está ao lado da granxa. Alí fixemos esta foto de despedida





Nin que decir ten que de volta a casa moitos e moitas quedaron a durmir no autobús.
Esperamos que as mestras nos leven moitas veces a saídas como estas porque a verdade é que nos portamos xenial e que aprendemos moitas cousas mentres o pasabamos fenomenal.

sexta-feira, 27 de março de 2009

Aniversario de Eva

Hoxe Eva celebrou na aula o seu 5º aniversario e coma sempre cambiou a vela para o mural dos e das que xa teñen 5 anos, soprou as candeas, repartiu o biscoito adornado con corazóns,... pero é que ademáis tivo unha sorpresa coa que non contaba nin a profe Teresa.
Resulta que Eva quería compartir coa súa irmá Aida, que está en 2º de Primaria, un anaco de biscoito. Cando llo foron decir ao profe de Aida, o profe Manolo, dixo que el tamén quería biscoito pero Eva non llo quería dar .Foi entón que o profe Manolo lle dixo que se llo daba lle facía trucos de maxia. Meu dito, meu feito!, o profe Manolo deixounos a todos e todas coa boca aberta cando fixo aparecer e desaparecer da súa man un pano vermello, ou cando cambiou a cor das moedas con só soprar sobre elas.
Da sesión de maxia non temos fotos porque a profe quedou tan sorprendida cos trucos que nin lle acordou de quitar fotos, e iso que tiña a cámara na man!, pero do biscoito e do ben que nos soubo aí van estas fotiños:

Cando a profe trouxo a Luna á nosa aula

Estes días andamos a investigar os animais da granxa. Coma sempre fomos á biblioteca a buscar libros que falaran de como eran, vivían, se reproducían,... os coellos, porcos, galiñas, ovellas, vacas,.... todos eses animais que imos ver na saída que faremos o vindeiro martes 31 á granxa-escola de Serantellos.
Como moitos e moitas de nós temos algún animal deses na nosa casa ou na casa dos nosos avós e avoas, está sendo unha investigación moi interesante pois nós mesmos somos quen de aportar información aos nosos compañeiros e compañeiras.
Isto é o que lle pasa á nosa profe Teresa pois a súa filla Noa ten como mascota un coello enano, por iso a profe non dubidou en pedirlle a Noa que llo deixara traer á nosa aula para que todos e todas puideramos observalo.
E así foi, a profe trouxonos a Luna que é un coello enano femia de cor marrón. Todos e todas puidemos collelo no colo, darlle de comer, acariñalo,... mirade que feitiña é








terça-feira, 24 de março de 2009

Un día de conto....

Hoxe foi un día especial pois viñeron ao noso cole un rapaz e unha rapaza da Editorial Kalandraka para ofrecernos unha sesión de contacontos. Gustounos moito porque ademáis de contar o conto tamén cantamos, escoitamos música,.....
De seguro que con actividades como estas hoxe non vemos a hora de chegar a casa e ler o conto da biblio que levamos hoxe en préstamo.





terça-feira, 10 de março de 2009

Investigamos os polbos cos nenos e nenas da clase da profe Uxía

Como xa sabedes nas aulas de E.infantil estamos investigando sobre diferentes especies mariñas. Na nosa aula xa levamos aprendido moito sobre as estrelas de mar e hoxe os compañeiros e compañeiras de nivel quixeron compartir con nós a súa investigación sobre os polbos. Puidemos mirar un polbo e ver cantos raxos tiña, onde estaban os seus tres corazóns, como cambiaban de cor para camuflarse cando o polbo se volveu da cor do mandilón da profe Uxía,.... Miramos todo con lupa para non perder detalle.
Gracias compañeir@s por compartir as vosas experiencias con nós!






Parabéns Carlota

Hoxe Carlota está de aniversario e, como facemos sempre que alguén cumpre anos, na aula foi un día especial. Cantámoslle os parabéns, cambio a súa veliña do mural de 4 anos para os que xa teñen 5, soprou as velas no biscoito....
A súa nai estaba toda preocupada por se o biscoito non lle quedara rico pero como podedes comprobar nas fotos comémolo todo sen deixar ningunha faragulla

.

domingo, 8 de março de 2009

8 de marzo: Día da muller traballadora


(Autocolante entregado polo Equipo de Normalización Lingüística a todo o alumnado do Ceip de Aguiño)

Onte conmemorouse o Día internacional da muller traballadora e por iso hoxe na nosa aula estivemos a falar das cousas que fan as mulleres, dos traballos nos que se ocupan, das cousas que parece que só teñen que facer elas como se os homes non as souperan facer,...
Como todos os luns, miramos os xornais e vimos que había noticias sobre este tema. Estivemos lendo algunha delas, como a de que as mulleres chegan ao mundo dos comics e que xa hai superheroinas, e desois a profe Teresa contounos que hai moito tempo as mulleres só podían traballar facendo as tarefas das casas ou de profesoras, enfermeiras, e pouco máis. Ás mulleres non as deixaban ser conductoras de autobuses, traballar nunha mina, ser capitán nun barco,... non porque non foran quen de facer ese traballo senón só porque eran mulleres. Agora as cousas están cambiando e cada vez hai máis mulleres que son xefas, directoras,.... aínda que ás veces lle paguen menos cartos que aos homes polo seu traballo.
Na aula anotamos nun cadro rexistro algunhas das tarefas da casa e marcamos quen as facía e vimos que, ainda que case todos estes traballos os fan as nais, avoas ou mulleres contratadas,tamén os homes cada vez fan máis cousas na casa porque entenden que os traballos da casa son para todos os que viven na casa e non só para as mulleres. De feito un dos recantos preferidos da nosa aula é a casiña e alí tanto os nenos como as nenas mudan cueiros, lavan a louza, pasan o ferro, dan o teteiro aos bebés,... agora só queda que tamén o fagan nas súas casas.

Na aula de audiovisuais vimos este video sobre coeducación "Un soño imposible?"