terça-feira, 22 de dezembro de 2009

Vacaciooooooooóns!!!!!!

Hoxe é o último día de clase por este ano, cando volvamos á aula xa será o 2010! Neste día especial pedimos os nosos desexos ao Apalpador nunha carta que fixemos na aula. Pedimos para todos e todas amor, amizade, paz,....








Despois fomos botar as nosas cartas ao buzón do Apalpador









Fixemos unha foto todos os nenos e nenas de E.Infantil




e fomos comer os doces de Nadal que trouxemos para compartir. Tamén comemos as trufas que fixemos onte, que boas estaban!





Ás doce chegou a hora da "Jusanitada". Todos os nenos e nenas do colexio saimos ao patio cos nosos 12 "jusanitos" e ao ritmo que marcaba o profe Telmo co triángulo, comémolos como se foran as 12 uvas de fin de ano. Despois fomos de festa por todas as aulas, visitando aos nosos irmáns e irmás, aos nosos amigos e amigas doutras aulas,...e así chegounos a hora de marchar para casa pero antes as mestras tamén quixeron facer a súa foto co Apalpador




COS MEUS MELLORES DESEXOS PARA TODOS OS GOLFIÑ@S DE AGUIÑO E AS SUAS FAMILIAS NO ANO 2010.
UN BICO MOI FORTE DE PARTE DA PROFE TERESA.

segunda-feira, 21 de dezembro de 2009

Obradoiros de Nadal

Hoxe no cole tivemos unha xornada especial. Como xa traballamos moito durante todo o trimestre, as mestras de E. Infantil prepararon para nós diversos obradoiros polos que fomos pasando ao longo da mañá.
O primeiro que fixemos foi poñernos por grupos misturando nenos e nenas de todas as aulas, así tivemos a oportunidade de relacionarnos cos compañeir@s cos que só podiamos xogar no recreo.
Un dos obradoiros era de cociña; coa axuda das profes Vanesa e Diana elaboramos trufas que comeremos mañá antes da "Jusanitada".





Outro dos obradoiros era de maquillaxe de nadal. As profes Ana e Cris pintaron as nosas caras con abetos, boliñas de nadal,...






Coa nosa profe Teresa, fomos ver unha película moi bonita que conta a historia dun neno e un boneco de neve...




Na aula de artística,a profe Uxía axudounos a decorar unhas caixas de zapatos para que o Apalpador nos deixe unha presiña de castañas o día 31.




Tamén estiveron axudando a profe Loli e Ana a coidadora. Moitas grazas a todas as mestras por facernos pasar unha primeira mañá de inverno tan especial.

domingo, 20 de dezembro de 2009

O apalpador visita o colexio de Aguiño

Xa hai moitos dias que descubrimos que antes de que chegara á nosa terra Papá Noel, nós xa tiñamos un personaxe que vivía polo Caurel e que na noite do 31 de decembro viña polas casas a "apalparlle" as barrigas aos nenos e nenas para ver se cearan moito. Se era así O Apalpador deixabache unha presiña de castañas e outros agasallos.



Como vedes o Apalpador leva nos pés zapatillas "rusas", as de cadros de toda a vida. Nós quixemos, nestes días tan fríos, ter os pés quentiños e estar no cole coas nosas "rusas". A ver se vos acorda quen é o dono ou a dona destas



Os mestres e mestras do cole fixeron unha recreación do conto do apalpador. Queredes vela? Aí vai



A profe Ana debuxou a figura do Apalpador e nos fixemos de castañas metendo a cabeza polos furados



sábado, 12 de dezembro de 2009

Investigando sobre a ra

Como ben sabedes estamos a investigar sobre os animais que viven nas lagoas de Vixán e Carregal ou moi preto delas. Lendo en libros da nosa biblioteca como "Pequenos paseos cos pequenos", "Pequechos dos ríos e das lagoas", "Os Bolechas descubren a natureza. A lagoa", ... fomos descubrindo que había mamíferos como o ourizo, o esquío, o rato e o coello. Vimos tamén que había moitísimas aves como a garza, o cullerete, o lavanco, o martín peixeiro, a gaivota,...Tamén había réptiles como a lagarta e a cobra de auga. Outro grupo de animais eran os insectos como a limoeira, o lucecú, a libélula,... Mirando nestes libros vimos que sempre aparecían as ras, pero... que tipo de animal é unha ra?, que comen as ras?, como nace unha ra? Como había moitas cousas que non sabiamos delas decidimos investigalas . O primeiro que fixemos foi anotar o que sabiamos das ras, o que queríamos saber, e onde habiamos de buscar a información.

Miramos nos libros da biblioteca de aula e subimos á biblioteca do cole a buscar máis libros, dvd,... que nos falaran destes animais.
A profe Teresa buscou en internet un video cunha canción sobre a ra



Buscamos coas nosas familias información sobre as ras e a compartimos cos nosos compañeiros e compañeiras. Así descubrimos que as ras:
pertencen a un grupo de animais que se chaman anfibios (como o sapo, o tritón,
a píntega,...)
teñen sangue frío,
nacen de ovos,
comen insectos,
teñen as patas traseiras máis longas para poder dar saltos,
teñen os dedos unidos por unha teliña e así poden nadar moi ben,
cando nacen respiran por branquias e cando son adultas fanno por pulmóns
ao nacer parecen peixiños coa cabeza moi grande, logo saenlle as patas, despois
perden a cola
.......

Moita desta información aparece neste video:





Tamén buscamos imaxes de ras en internet e vimos unhas que nos gustaron moito porque tiñan unhas cores moi rechamantes, o que nos non sabiamos era que estas ras son velenosas e que non se poden tocar porque botan o veleno pola pel e así nos pode chegar a nos se logo de tocalas a elas botamos a man á boca ou refregamos un ollo, ou temos unha pequena ferida,... Bueno estas ras viven moi lonxe de nós, as que estan nas nosas lagoas non teñen veleno na súa pel.
Queredes ver cantas ras distintas hai? Aí van algunhas:

terça-feira, 24 de novembro de 2009

Saída ao museo de historia natural

Hoxe fixemos unha saída ao Museo de Historia Natural que está na Facultade de Químicas da Universidade de Santiago.
Queríamos ver moitos dos animais dos que estamos a investigar e que viven nas lagoas de Vixán e Carregal. Alí Dani explicounos que os animais que había alí estaban "disecados", esto quere decir que morreron e despois eles lles quitaron as tripas e os secaron moito para logo enchelos con algodón e papeis. Puidemos ver coellos, gaivotas, lavancos, esquíos, corvos mariños, garzas,... e ata unha cobra de auga dentro dun bote de cristal cun líquido para que non podrecera.
Despois con Tino saimos ao parque e presentounos a Manu, un magnolio que chegou alí cando só era unha semente e que hoxe estaba de aniversario pois cumplía 75 anos. Tamén xogamos a descubrir aos amigos de Manu, un rododendro, unha tuia,... e aos que había que convidar á festa de aniversario.
queredes ver que ben o pasamos? Aí van as fotos

domingo, 22 de novembro de 2009

Día dos dereitos dos nenos e nenas

O 20 de novembro conmémorase o Día Universal dos nenos e nenas.
Na aula falamos da sorte que temos de ter nacido nunha familia que nos coida dándonos o alimento, vestido e atención médica, que nos leva á escola e non a traballar, que nos puxo un nome ao nacer,... tantas cousas que parecen do máis normal e que aínda que pareza mentira hai moitos nenos e nenas no mundo que non teñen.
Hai moitos anos que os homes e mulleres que mandan no mundo deciciron facer un decálogo no que se recollan os nosos dereitos, pero algúns aínda parece que non se enteraron de que o había e de que o tiñan que cumplir.
Aínda que nas nosas familias se respectan os nosos dereitos, fixemos un pequeno libriño onde se recollen estes 10 dereitos para levar para casa e comentar o que alí se dice.
Para que non queden dúbidas, aquí vai un video


sexta-feira, 13 de novembro de 2009

Queremos aprender galego!

Ola, somos Uxía e Breixo!



Chegamos o curso pasado ao colexio e este ano QUEREMOS APRENDER GALEGO! paseando por Aguiño. Por iso iremos ás vosas casas e pasaremos alí uns días para que xoguedes con nós e nos aprendades esa língua tan fermosa na que falades. Levaremos un caderno onde anotaredes as palabras que nos ides aprendendo fixándovos moito de que non nolas ensinaran outros nenos e nenas antes para non repetilas. Podedes pegar imaxes desas palabras, debuxalas, tirar fotos xogando con nós e pegalas,... Estaremos nas vosas casas de luns a venres e a fin de semana durmiremos no cole.
Esperamos aprender moito e pasalo moi ben con vós.
Bicos para todos e todas de Uxía e Breixo.

quinta-feira, 5 de novembro de 2009

Magosto 2009

Hoxe celebramos no noso colexio o magosto con moitas actividades nas que o pasamos moi ben antes de que chegar a hora de ir xunto á castañeira a coller as castañas quentiñas.
Ata a hora do recreo fomos pasando polos diferentes obradoiros:

Maquillaxe de outono







Ceo de outono: arte con esponxas.







Hora do conto: "A castañeira"





Fixemos actividades de outono no encerado dixital




Se queredes seguir disfrutando destas actividades na casa




só tendes que facer "clic" enriba deste enlace


Circuito de outono no ximnasio








Despois do recreo, fomos ata onde estaba a castañeira a polas castañas






e fixemos unha foto coas nais do Anpa, que colaboraron no magosto repartindo refrescos para todos e todas




Como empezou a chover, tivemos que ir comer as castañas á nosa aula






Xusto cando estabamos acabando, escoitamos o son dun acordeón e saímos a ver de onde proviña. Quen pensades que era o que tocaba? Pois o profe Telmo, e ao son do acordeón todos e todas empezamos a bailar:





Sen darnos de conta, chegou a hora de marchar para as nosas casas e xa só nos queda esperar polo Magosto do próximo ano.