quarta-feira, 13 de maio de 2009

Correlingua 2009

O ano pasado non fomos, pero este ano non nolo iamos perder por nada do mundo, e mira que a chuvia case da ao traste con todo!
Nada mais chegar á aula puxémonos as camisetas que nos regalou a organización do Correlingua ( as viseiras que nos deu o Concello da Pobra deixámolas porque ben viamos que non as iamos necesitar).As mestras levaban un mandil no que se lía "Eu fago sopa de letras galegas" e todos e todas coas nosas pañoletas ao pescozo nas que se lía o nome de Aguiño, saimos cara á gran festa da lingua galega.







Cando chegamos á Pobra fomos desfilando coas nosas pancartas "mariñeiras"




O resto dos nenos e nenas do colexio tamén fixeron pancartas. Esta é a do 2º ciclo de E. Primaria




Collemos un sitio ben bo para ver todas as actuacións: primeira fila!



Que sorpresa levamos cando vimos de novo aos nosos amigos o Capitán Benito e a Grumeta Quilla! Pero sen dúbida o que máis nos gustou foi a obra de teatro




Pasámolo tan ben que xa temos gans de que chegue o Correlingua 2010!!!

quarta-feira, 29 de abril de 2009

Aniversario de Celso

Hoxe é 27 de abril e celebramos na aula o aniversario de Celso. Coma sempre disfrutamos dun riquísimo biscoito, feito pola súa nai, despois de ter cambiado a vela para o mural dos que xa teñen 5 anos, soprado as velas, cantado os parabéns,....
Aí van as fotos que quedarán de recordo deste día especial





sábado, 25 de abril de 2009

Teatro na aula

Hoxe os nenos e nenas de 3º de EP viñeron á nosa aula e representaron para os nenos e nenas de 4 anos A e B, unha obriña de teatro. Gustounos moito ver como algúns dos nosos irmáns e irmás facían esta actuación para nós.
Volvede cando queirades!





Video-conferencia cos golfiños

Como ben sabedes, hai uns meses estivemos investigando sobre os golfiños. Naquel proxecto descubrimos moitas cousas sobre a anatomía, a reprodución, o comportamento,... dos golfiños pero o que non sabiamos era que as mestras de E. Infantil tíñannos reservada unha sorpresa.
As nosas mestras puxéranse en contacto co "Loro Parque" de Tenerife e concertaran unha video-conferencia cos golfiños que alí están. Como había moitos nenos e nenas que tamén querían contactar cos golfiños, tivemos que esperar a que houbera un día dispoñible e ese día chegou este venres. Ás 11 da mañá (as 10 en Canarias) subimos á aula de audiovisuais e alí establecimos contacto por internet co Loro Parque. Ao mesmo tempo que nós tamén estaban en contacto outros coles de Asturias e Madrid, pero cando saudaron ao Ceip de Aguiño todos e todas aplaudimos.
A profe Iria ía facendo as preguntas escribindoas no ordenador e a monitora do Loro Parque as contestaba mentras viamos imaxes dos golfiños que se estaban a preparar para o espectáculo que ofrecen todos os días. Aínda que ás veces se paraba a imaxe e o son podía ser mellor a verdade é que foi unha experiencia moi interesante.




quinta-feira, 23 de abril de 2009

En abril, libros mil

Hoxe é 23 de abril e para conmemora-lo Día do libro na nosa aula realizamos distintas actividades. A primeira foi ir á aula dos nenos e nenas de 5º da profe Rosa e asistir a un recitado de poesía medieval. Os nenos caracterizáronse como músicos, as nenas como soldadeiras e ata estaba alí o poeta Mendiño!









Despois tivemos na aula unha contacontos especial,a nai de Alejandra veu para nos ler o conto preferido da nosa compañeira: "O rei León"




E tamén nós quixemos traer da casa os nosos libros favoritos para contarllos aos nosos compañeiros e compañeiras. Aínda non nos deu tempo a contar os contos a todos os que os trouxemos pero mañá seguiremos. Hoxe fixérono Sheila e Celso:




Tamén nos quedaron por facer os marcapáxinas cos nosos nomes, pero en calquer momento nos poñemos mans á obra para poder usalos cos nosos libros favoritos.

terça-feira, 14 de abril de 2009

Parabéns Andrea

Despois de ver como cumplían 5 anos os seus compañeiros e compañeiras Eva, Aldara, Carlota e Manuel, por fin lle chegou o turno á nosa seguidora pola rede máis fiel pois non hai día que non nos visite cando menos unha vez e nos escriba algún comentario.
Hoxe Andrea celebraba no cole o seu aniversario e como sabe que somos moi larpeiros trouxo un biscoito enorme que, ainda que lle demos un bo repaso, non fomos quen de acabar con el. Non hai problema, mañá será outro día e de seguro que non queda nin unha faragulla.
Como sempre, fixemos unhas fotos para que nos quede un recordo deste día especial. Aí van:


quarta-feira, 8 de abril de 2009

Aniversario de Manuel

Hoxe é venres 3 de abril e estamos todos e todas moi content@s porque ademáis de dar as vacacións de Semana Santa, celebramos cuns días de adianto o 5º aniversario de Manuel.
Como sempre que temos un compañeiro ou compañeira que cumpre anos cambiamos a vela de mural, sopramos as velas, cantamos "Parabéns para ti" e comemos o biscoito. Pero hoxe tiñamos o día alegre porque daban as vacacións e ata bailamos a ritmo de cha,cha,cha.
Queredes ver que ben o pasamos?

terça-feira, 31 de março de 2009

Saída á granxa-escola de Serantellos

Por fin chegou o día! Levabamos semanas contando no calendario do mes de marzo cantos días faltaban para ir á granxa e, no último día deste mes, fomos a Cambados para pasar un día na granxa-escola de Serantellos.
Ás 9 estabamos todos e todas preparados coas nosas mochilas, esperando que a profe Teresa nos dixera que podiamos subir ao autobús



Despois dunha hora de viaxe, chegamos á granxa e alí os monitores e a monitora nos caracterizaron como gatiños, porquiños, vacas ou parruliños para facer catro grupos e poder ir rotando polos catro obradoiros que había na granxa:










Antes de ir aos obradoiros aprendemos a canción "Tengo una vaca lechera" e a cantamos facendo con xestos as accións da canción: muxir a vaca, matar moscas co rabo,...



O primeiro obradoiro ao que fomos foi a horta ecoloxica





Despois fomos a coñecer aos animais da granxa que estaban nas cortes:






Fixemos despois un pequeno descanso para comer unhas galletas e xogamos no parque:





Despois fomos amasar o pan que, despois de cocer no forno levamos para as nosas casas.

E así chegounos a hora de ir comer. O menú tiña arroz con carne, salchichas con patacas fritidas e iogur. ¡Estaba todo riquísimo!
Antes de volver aos obradoiros descansamos un pouquiño e algunhas case quedan a durmir na herba!




Tras este descanso volvemos aos obradoiros e cando acabamos de pasar por eles tomamos a merenda ¡pan con chocolate! nas escaleiras do colexio que está ao lado da granxa. Alí fixemos esta foto de despedida





Nin que decir ten que de volta a casa moitos e moitas quedaron a durmir no autobús.
Esperamos que as mestras nos leven moitas veces a saídas como estas porque a verdade é que nos portamos xenial e que aprendemos moitas cousas mentres o pasabamos fenomenal.

sexta-feira, 27 de março de 2009

Aniversario de Eva

Hoxe Eva celebrou na aula o seu 5º aniversario e coma sempre cambiou a vela para o mural dos e das que xa teñen 5 anos, soprou as candeas, repartiu o biscoito adornado con corazóns,... pero é que ademáis tivo unha sorpresa coa que non contaba nin a profe Teresa.
Resulta que Eva quería compartir coa súa irmá Aida, que está en 2º de Primaria, un anaco de biscoito. Cando llo foron decir ao profe de Aida, o profe Manolo, dixo que el tamén quería biscoito pero Eva non llo quería dar .Foi entón que o profe Manolo lle dixo que se llo daba lle facía trucos de maxia. Meu dito, meu feito!, o profe Manolo deixounos a todos e todas coa boca aberta cando fixo aparecer e desaparecer da súa man un pano vermello, ou cando cambiou a cor das moedas con só soprar sobre elas.
Da sesión de maxia non temos fotos porque a profe quedou tan sorprendida cos trucos que nin lle acordou de quitar fotos, e iso que tiña a cámara na man!, pero do biscoito e do ben que nos soubo aí van estas fotiños: