segunda-feira, 10 de março de 2008

experimentando ca auga

Despois de ter visto, oido, tocado, ulido e saboreado a auga, chegou o turno de converternos en pequenos científicos e facer sinxelos experimentos que nos descubran as principais características da auga.
Así a nosa profe Teresa propuxo un día probar a ver que pasaba cando botábamos diversos obxectos na auga como p.ex: pedras, saltarinas de goma, cristais, papeis,paus, tapas de plástico,...Descubrimos que algúns deses elementos flotaban e outros afundían sen importar o seu tamaño.







Tamén vimos que algúns elementos cando se misturaban ca auga "desaparecían", non se vían, pero cando ulíamos ou probabamos esa auga notabamos no olor ou no sabor que estaban alí. Experimentamos con aceite, vinagre, café en gran, deterxente en pó, pedras, sal, azucre,... e así descubrimos que hai sustancias que son solubles na auga e outras que non.









Outro dos nosos experimentos foi ver como a forza da auga se pode aproveitar para mover algo. A profe Gloria prestounos unha pequena noria e vimos (con axuda da ducha da bañeira) que se a auga bate nela con forza entón se pon en movemento e xira sen cesar.A profe díxonos que así é como funcionan os muiños de auga que hai nos ríos: aproveitan a forza da auga para poñer en movemento as rodas de pedra que moen o millo para facer a fariña.






Tamén vimos que a auga non sempre está en estado líquido, pois se enfriamos moitísimo a auga entón se conxela e se converte en xeo. Para iso collemos unhas bolsiñas de plástico, as enchemos de auga e as metemos no conxelador. Despois dun día fomos mirar e a auga líquida se convertera en cubiños de xeo. Como todo o queremos saber, preguntamos a que sabía e que mellor que probalo. Vimos así que o xeo non sabía a nada, non ulía a nada e non tiña cor, todo igual que a auga porque en realidade o xeo era auga só que moi, moi, moi fría.








Cando xa non quixemos chupar máis xeo, a profe Teresa dixo que o deixaramos nunha tapa de plástico e ¡oh! de alí a un pouco xa non había xeo, outra vez era auga líquida. Esto pasa porque o xeo co calor derretese e ¿que pasaría se lle desemos moita calor á auga? Con moito coidado a profe puxo auga nunha pota e a puxo nun camping-gas ;en pouco tempo empezou a saír fume da pota: era o vapor de auga , o que os maiores chaman auga en estado gaseoso.



Nenhum comentário: